CRTVG

Buscar

Unha viaxe en globo pola Ribeira Sacra será posible todo o mes de agosto

Publicado o 31/07/2019 16:14

Durante o mes de agosto vaise poder ver a Ribeira Sacra a vista de paxaro. Todos os días haberá voos en globo para contemplar a paisaxe dende a altura. Son viaxes para un máximo de 12 persoas, polo que cómpre apurar para facer as reservas. Os voos están condicionados pola meteoroloxía e fanse á primeira hora da mañá.

Dende hai dous anos xa é posible gozar das paisaxes da Ribeira Sacra dende un globo aerostático. Os voos parten á primeirísima hora da mañá porque é cando hai menos vento e a navegación se fai de xeito máis seguro. Durante todo este mes, os amantes da aventura, da fotografía e da contemplación poden desfrutar dende o aire das vistas que ofrece esta zona onde conflúen o Miño e o Sil. A posibilidade de vivir unha experiencia diferente é a principal motivación das persoas que acoden ás viaxes.

"Xa tentei viaxar tres veces e hoxe por fin o vou poder facer. Para min é unha ilusión porque tiña moitas ganas".

"Regaláronnos esta viaxe e viñemos ata aquí para gozala porque é unha experiencia única".

As viaxes en globo son das máis seguras que existen. A aeronave non alcanza grandes velocidades nin se eleva en exceso para evitar as correntes. Ademais, tanto o despegue como a aterraxe son moi suaves. Iso si, o tempo ten que ser solleiro e non se pode voar con néboa nin con chuvia para evitar calquera risco. Tamén está prohibido que viaxen mulleres embarazadas, persoas que pesen máis de cen quilos ou quen padezan doenzas cardíacas.

"É un medio de transporte moi seguro. Apenas se rexistran accidentes e adoitan ser por imprudencias ou riscos innecesarios".

Os voos teñen un prezo de 150 euros por persoa e os viaxeiros teñen a posibilidade de colaborar nas manobras de engalaxe e recollida.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/07/2019