CRTVG

Buscar

Un veciño de Vilagarcía en estado grave tras caerlle enriba unha pedra dunha fachada

Publicado o 18/09/2020 14:36

O suceso aconteceu contra as sete da tarde de onte nesta céntrica cafetería de Vilagarcía. Un home estaba tomando un café na terraza na compaña doutra persoa cando se produciu o accidente.

Os veciños quedaron impactados. Din que a lousa se desprendeu da fachada e acabou impactando na cabeza da vítima tras atravesar o toldo da cafetería. Aseguran que lle puido tocar a calquera.

A lousa de pedra desprendeuse da fachada do edificio dende unha altura duns oito metros. O impacto foi tan violento que rompeu a mesa en que estaban sentados tras impactarlle na cabeza e no tórax.

Ao lugar desprazáronse unha ambulancia do 061, efectivos da Policía Local e da Nacional e de Protección Civil. Os sanitarios conseguiron estabilizar o home e trasladárono de urxencias ao Hospital Clínico de Santiago, onde a estas horas continúa ingresado en estado moi grave.

Ao ser unha zona moi transitada, os servizos de emerxencias acordoaron ante o risco de novos desprendementos; de feito acabaron retirarando outras catro lousas de pedra da fronte que estaban a piques de desprenderse.

Noticias web

18/09/2020