CRTVG

Buscar

Un veciño de Cuntis atropela o seu fillo cun tractor tras perder o control do vehículo

Publicado o 14/01/2019 13:30

Pai e fillo traballaban o domingo pola tarde, nesta leira da familia situada en Cequeril, no concello pontevedrés de Cuntis. Cando se produciu o accidente, o pai estaba a rozar cun tractor pequeno e o fillo facía outros labores axudado pola nai.

Miguel Ángel Couto, xefe da agrupación de Protección Civil de Cuntis:  "O pai estaba a rozar co tractor e o rapaz reparaba o valado e achegouse a pedirlle algo. O tractor enterrouse e, cando quixo facer a manobra para desenterralo, o tractor xirou e pasoulle coas rodas por riba das pernas."

Co tractor fóra de control, o pai tivo que tirarse en marcha para evitar caer por un terraplén. O equipo de garda da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cuntis foi o primeiro en acudir ao lugar.

Miguel Ángel Couto, xefe da agrupación de Protección Civil de Cuntis: "O rapaz tiña moita dor nas pernas. Miramos que non sangrase, detectamos que a perna estaba partida e xa non o tocamos ata que chegaron o médico e a ambulancia. Despois veu a ambulancia medicalizada de Pontevedra para retiralo do terreo."

Segundo as testemuñas, o mozo, de 20 anos, estaba consciente e orientado, e foi trasladado ao hospital pontevedrés de Montecelo.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2019