CRTVG

Buscar

Un usuario e un traballador dunha residencia de Guadalaxara, primeiros en recibir a vacina

Publicado o 24/12/2020 14:53

• Todas as comunidades comezarán a vacinación o domingo de xeito simbólico

• Nas próximas semanas España recibirá doses para poder vacinar máis de dous millóns de persoas

A vacinación contra a covid comezará nunha residencia da terceira idade de Guadalaxara. Escolleuse este centro por estar preto do lugar en que se van almacenar as vacinas. España recibirá as primeiras vacinas en menos de dous días. Será unha entrega simbólica para poder vacinar xa o domingo.

Nesta primeira entrega que xa está a piques de chegar, España recibirá 18.000 doses da vacina de Pfizer. Delas, Galicia recibirá 500. Con elas poderanse vacinar 250 persoas, usuarios e traballadores dunha residencia de maiores de Santiago.

Tras esa primeira entrega simbólica para que todos os países da Unión Europea comecen a vacinar ao mesmo tempo, as vacinas comezarán a chegar en maiores cantidades. España recibirá 350.000 doses á semana que se irán repartindo entre as comunidades en función da poboación de risco. Eses envíos chegarán durante 12 semanas ata completar os catro millóns e medio de doses.

En Galicia, os primeiros en vacinarse serán 250 maiores e persoal dunha residencia de Santiago. Aquí hai un só punto de almacenamento, onde o luns chegarán 18.000 doses máis. Todo está pechado nunha loxística nada doada para unha vacina que precisa ultrafrío e retos no desconxelado e na dilución das doses. Nas primeiras semanas, a Xunta agarda chegar a 37.000 persoas vinculadas a residencias sociosanitarias. Para a primavera, poderían estar vacinados dous millóns de españois.

Un usuario e un traballador dunha residencia abrirán o domingo a campaña de vacinación contra a covid en España. Está situada en Guadalaxara, onde a farmacéutica Pfizer ten o almacén ao que chegarán as vacinas o sábado. Desde aquí distribuiranse ao resto de España, para que todas as comunidades poidan comezar a un tempo, de xeito simbólico, o mesmo domingo 27. 

Se todo vai ben, nesta fase inicial sumarase á campaña a vacina de Moderna, que será avaliada por Europa o seis de xaneiro. A de Janssen, está na recta final. Eficaz tamén contra as variantes do virus. A última detectada no Reino Unido, con máis mutacións que a da semana pasada.

Noticias web

24/12/2020