CRTVG

Buscar

Un tractorista de 30 anos, hospitalizado no Salnés con múltiples picaduras de 'velutinas'

Publicado o 12/08/2020 14:10

A vítima das picadas é un veciño de Rubiáns, duns trinta anos, que xa tivo un aviso hai quince días. Daquela empezou a rozar esta leira da Rosaleda, preto de Vilagarcía, e xa tivera que deixala sen acabar porque o atacaron as avésporas, segundo nos contaron no lugar.

Onte á tarde volveu e, en plena faena, a rozadora desfixo un niño de velutinas que había entre o mato. Desta volta o ataque dos insectos foi brutal e precisou asistencia.

Os primeiros que chegaron foron os efectivos de urxencia do Concello, segundo relata Francisco Javier Guillén Bustos, xefe do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía de Arousa: "A persoa tiña múltiples picadas das 'velutinas'. Estaba a rozar co tractor e ao pasar a máquina rozadora por riba do niño, as avésporas atacárono picándoo sobre todo na cabeza e nas extremidades".

"En principio ía consciente. Ao pouco tempo de chegar veunos unha ambulancia do 061. No primeiro momento atendémolo nós e a partir de aí o persoal sanitario fíxose cargo del e trasladárono ao hospital do Salnés", engade Guillén Bustos.

Os niños de 'velutinas' situados sobre a terra entre mato ou en silveiras non son tan doados de percibir como os aéreos, polo que ante determinados labores convén ir con precaución.

Ante isto, Guillén Bustos fai a seguinte suxestión: "As persoas que desenvolven este tipo de actividades deberían levar medios de prevención. Non estaría de máis levar un insecticida no tractor e mesmo un set anafiláctico para no caso de que o piquen e descoñece se é alérxico poder autoinxectarse e evitar un desenlace grave ou mesmo fatal".

Esa precaución hai que estendela a tarefas agrícolas como os coidados en viñedos, onde tamén adoitan aniñar as avésporas asiáticas.

Noticias web

12/08/2020