CRTVG

Buscar

O Goberno francés presenta as pensións por puntos, pero non convence os sindicatos

Publicado o 11/12/2019 15:06

O Goberno de Emmanuel Macron propón un sistema de retiro único que substitúa os 42 réximes profesionais que existen hoxe. Tal e como explicou o primeiro ministro, Eduard Philippe, basearase na acumulación de puntos por hora traballada permutables por unha pensión á hora do retiro: cada novo fillo tamén dará dereito a puntos extra. Mantén a idade mínima de xubilación nos 62 anos, pero atrasa ata os 64 o dereito a cobrar a pensión completa.

Prevé unha paga mínima de 1.000 euros para quen cotizase 42 anos. E como gran concesión aos críticos, o novo sistema só afectará os nacidos despois de 1975.

Con todo, o proxecto non calmou os sindicatos: din que é un sistema confuso e cheo de trampas e , sobre todo, consideran o atraso na idade de retiro unha liña vermella en que non van ceder. Manteñen os paros indefinidos na rede de transportes e convocaron dúas novas xornadas de protesta.

 

Noticias web

11/12/2019