CRTVG

Buscar

Un proxectil iraniano puido derrubar por erro o avión sinistrado en Teherán

Publicado o 10/01/2020 14:13

O sinistro aéreo acontecido este mércores en Teherán derivou nun grave incidente internacional. Irán asegura que se debeu a un erro técnico pero Os Estados Unidos, O Canadá e O Reino Unido cren que un proxectil iraniano impactou no aparello que se dirixía a Ucraína con 176 persoas a bordo.

A posibilidade de que o sinistro do Boeing 737 na madrugada do mércores non se debese a un erro técnico colleu forza nas últimas horas.

Esa mesma noite Irán atacara as bases estadounidenses en Iraq e crese que un proxectil, disparado con toda seguridade por erro, puido impactar no aparello que engalara de Teherán con destino a Kiev con 176 persoas a bordo.

Máis de 60 das vítimas mortais eran canadenses a quen se lles rendeu esta noite tributo en varias cidades do país. O primeiro ministro dixo ter evidencias de que proxectís iranianos derrubaron o avión.

Tamén o cren os servizos de intelixencia británicos e confirmaríano imaxes dos satélites estadounidenses. Para Donald Trump podería tratarse dun erro tráxico de Irán.

Outro dos países implicados, Ucraína, enviou xa un equipo de 45 investigadores a Teherán pero limitouse a dicir que as circunstancias do acontecido non estaban claras.

O Goberno iraniano reiterou que foi un erro técnico o que provocou o sinistro aéreo e a UE pedíu unha investigación independente e crible.

Noticias web

10/01/2020