CRTVG

Buscar

Un novo caso en Cataluña e outro en Madrid elevan a nove o número de infectados polo coronavirus en España

Publicado o 26/02/2020 10:12
Un novo caso en Cataluña e outro en Madrid elevan a nove o número de infectados polo coronavirus en España

Un mozo de 22 anos que recentemente viaxou a Italia é o segundo caso confirmado de coronavirus diagnosticado en Cataluña, segundo informaron fontes do Departamento de Saúde.

O caso deste mozo súmase ao da muller italiana de 36 anos, residente en Barcelona, que tamén viaxou ao norte de Italia e contraeu o coronavirus, do que se recupera favorablemente no Hospital  Clínic.

En Madrid, tamén esta mañá confirmaban que unha persoa que estivo de viaxe en Italia convertíase no segundo caso de coronavirus confirmado na Comunidad de Madrid. Así o informou o conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudeiro, nunha conferencia de prensa.

Desta maneira xa son nove os positivos detectados en España. Aos tres casos xa coñecidos en Tenerife e Barcelona sumáronse a última hora deste luns outros dous novos casos na citada illa canaria e Madrid e Castelló, todos eles relacionados con viaxes a Italia.   

Primeiro caso en Madrid

En Madrid, confirmouse o positivo por Covid-19 dun mozo de 24 anos que viaxou ao norte de Italia e que está ingresado no hospital Carlos III, onde a Comunidad de Madrid conta cunha unidade especializada de illamento.   

A Consellería comunicou o envío de mostras para a súa confirmación ao Centro Nacional de  Microbioloxía de Madrid, tal e como marca o protocolo establecido para estes casos.   

Ata a data, a Comunidad de Madrid descartara máis de 200 casos avaliados desde que se declarou o brote de coronavirus o pasado 30 de decembro.  

Novos postivos nas Canarias

Ademais, foron confirmados dous novos casos por coronavirus en Tenerife, ambos relacionados co grupo de italianos que estaban de turismo na illa.

Segundo a Consellería de Sanidade do Goberno de Canarias, estes dous novos positivos son contactos directos dos dous primeiros casos confirmados en Tenerife: un médico italiano e a súa esposa, que se atopan ingresados no hospital da Candelaria, en Santa Cruz de Tenerife.

As mostras obtidas destes dous novos positivos serán enviadas ao Instituto de Saúde Carlos III para a súa verificación, conforme aos protocolos establecidos.

Outro caso en Castelló

A conselllería de Sanidade Universal e Saúde Pública confirmou este martes pola noite o primeiro caso de coronavirus na Comunitat Valenciana. É o caso en estudo dun home que acudira ao hospital da Plana, en Vilarreal (Castelló), con síntomas compatibles coa enfermidade. 

As primeiras análises confirmaron a presenza do virus Covid-19, segundo indicou Sanidade nun comunicado. Saúde Pública enviou xa a mostra ao Centro Nacional de Microbioloxía en Majadahonda para a confirmación do resultado. Doutra banda, a proba realizada ao paciente en estudo do Hospital Doutor Peset de Valencia deu un resultado negativo, e mantense en estudo a tres pacientes no Hospital Xeral de Alacante. Este mércores ofreceranse todos os detalles na conferencia de prensa diaria sobre o coronavirus.

Unha italiana residente en Barcelona pon en illamento domiciliario 25 persoas

"A alerta non é pola gravidade", explica o secretario da Saúde Pública catalá, Joan Guix; "se nos poñemos a contar, a gripe estacional é moito máis grave". Con prudencia e rexeitando a alarma, informábase sobre o novo caso en España de coronavirus, o dunha muller italiana de 36 anos, residente en Barcelona, que viaxou nos últimos días ao norte de Italia.

Tamén se informou de que, unha vez activado o protocolo por coronavirus, 25 persoas que estiveron en contacto coa paciente xa están identificadas. Son persoas sas e estarán en illamento domiciliario durante 14 días.

A muller do médico illado en Tenerife tamén deu positivo

Despois do de Barcelona, e mentres case un milleiro de turistas non poden saír do hotel onde están aloxados, confirmábase que a muller do médico illado en Tenerife tamén deu positivo por coronavirus. Nestes momentos son cinco os casos, pero a dous xa se lles deu a alta. As tres persoas infectadas foron contaxiadas en Italia, están illadas e pendentes dunha segunda proba. Asemade, hai varias comunidades autónomas que continúan avaliando varios casos sospeitosos.

E nos aeroportos españois vemos estes días máis máscaras do habitual. Cóntannos que por prevención. Con todo, a Organización Mundial da Saúde informa de que a taxa de letalidade do coronavirus en Wuhan está entre o 2 e o 4%, e fóra da China é do 0,7% . Mesmo alí, as persoas que morreron por coronavirus eran moi maiores ou presentaban patoloxías previas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2020