CRTVG

Buscar

Un plan municipal axuda a reinventarse aos empresarios vilalbeses durante a pandemia

Publicado o 10/05/2020 18:50

Os autónomos e as pemes son parte fundamental do tecido industrial e social das vilas. Sábeno ben en Vilalba e por iso tratan de axudar os seus emprendedores cunha plataforma coa que botarlles unha man para saír desta crise a través da formación e da promoción en Internet.

Manuel aproveitou que tivo que pechar para darlle algún toque ao seu restaurante. Non ten terraza e non vai abrir este luns, pero con todo cre que a iniciativa do Concello de Vilalba, de axudar aos empresarios vilalbeses a reinventarse e a vender os seus produtos é moi positiva.

O de Manuel é un dos máis de 75 negocios da zona que participan no programa ideado polo Concello, que combina o estudo da situación de cada negocio cunha formación individualizada para os emprendedores que culmine nunha sinerxia que benefice a todos, defendendo sempre o consumo na propia vila.

Paula tamén se inscribiu no plan do Concello. Ten un centro de ocio infantil e aínda non sabe cando vai poder volver abrir.

Antía abriu esta semana a súa tenda de roupa infantil con cita previa e foille ben.
Tamén se anotou ao plan. Cre que no seu caso a formación si pode axudarlle a saír desta. Antía cre que estamos todos encadeados, e que axudar ao comercio e aos negocios de proximidades é axudarnos a todos, o único xeito de manter os empregos das nosas vilas.

Noticias web

10/05/2020