CRTVG

Buscar

Continúa activo o incendio de Ribeira e Porto do Son, que leva queimadas 150 hectáreas

Publicado o 07/09/2019 18:21

• Outro lume activouse esta tarde en Hío, Cangas, onde queimou 5 hectáreas  

O conselleiro Xosé González pide a sensibilización da cidadanía

 

 

 

A superficie queimada polo incendio forestal iniciado na madrugada deste sábado en Ribeira, e que afecta tamén o municipio veciño de Porto do Son, ascende a 150 hectáreas nun momento no que o lume continúa activo pero cunha evolución favorable.   Segundo informou a Consellería do Medio Rural no seu último parte informativo, as chamas comezaron ás 23:04 horas do sábado e no seu control traballan 12 axentes, 22 brigadas, 14 motobombas, dúas pas, nove helicópteros e catro avións.

Ademais, incorporáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que reforzou, con 23 militares e 8 medios terrestres, o dispositivo de extinción dos medios que están traballando para controlar o incendio de Ribeira, no que tamén están actuando dous avións anfibios, xunto a varias brigadas e operativos de protección civil da zona. Ás nove e media da mañá deste sábado o incendio de Ribeira afectaba arredor de 100 hectáreas.

Outro incendio, o de Fisterra está controlado e afecta unha superficio dunhas 130 hectáreas. Tamén están controlados os lumes de Lobeira, que afecta provisionalmente 150 hectáreas dentro do Parque Natural do Xurés, e o de Monforte de Lemos, na parroquia de Seoane, que atingue unhas 465 hectáreas.

Outros focos de importancia, que tamén continúan controlados, son os de Porto do Son, con 89,4 hectáreas e o de Cenlle, con 46 hectáreas afectadas de monte arbolado.

Moitos destes incendios comezan con focos plantados durante a noite. Dezaseis focos, concretamente, na madrugada do xoves ao venres en toda Galicia. Tamén esta noite do venres ao sábado, no límite entre Ribeira e Porto do Son o lume fixo que os veciños tivesen que saír das casas. 

Os fortes refachos provocaron que o lume se espallara rapidamente durante varios quilómetros e chegara moi preto das vivendas. Os puntos máis afectados son a parroquia de San Pedro de Muro, no límite entre Porto do Son e Ribeira. A Xunta informa de que o lume supera as vinte hectáreas e que arestora permanece cortada a estrada entre o municipio sonense e Ribeira á altura do quilómetro cen.

Brigadas forestais, bombeiros de Ribeira e Boiro, e forzas de seguridade traballaron toda a noite para evitar que ardesen as vivendas. Os veciños, que estaban durmindo, espertaron co lume preto das súas portas.

Noticias web

07/09/2019