CRTVG

Buscar

Un novo falecemento en Ourense eleva o total de vítimas en Galicia a 785

Publicado o 11/10/2020 22:28

Unha nova vítima da covid-19 na tarde do domingo eleva a cifra de falecidos a 785. A finada é unha muller de 94 anos que estaba ingresada no hospital de Ourense e procedía da residencia dos Gozos, no Pereiro de Aguiar. Ademais durante a xornada notificáronse outras catro mortes, tres delas no Complexo Hospitalario da Coruña e outra no Clínico de Santiago.

En canto ao número de novos positivos en Galicia descende en case un cento desde o sábado, ata os 313. Tamén se reduce a menos da metade a cifra en Ourense, onde se detectaron 86 casos. Sobe en Vigo e na Coruña.

A situación nos hospitais é similar á destes últimos días, con dúas persoas menos na UCI, onde hai 35 pacientes, e 170 hospitalizados en planta. Ourense continúa sendo a que máis pacientes ingresados ten: 55 no Complexo Hospitalario da cidade, 10 deles na UCI, 10 en Verín e 1 en Valdeorras.

O número de persoas infectadas neste momento é de 4.379. Sobe con respecto a días anteriores ao producírense máis contaxios ca altas.
Nas residencias de maiores non se rexistraron casos novos este sábado, e no xeriátrico do Incio 30 usuarios infectados deron xa negativo nas últimas probas, polo que descende o número total de residentes infectados ata os 424. O número de PCR feitas este sábado aproxímase de novo ás 6.000.

Noticias web

11/10/2020