Un músico sarriao ensina a fabricar unha gaita caseira para amenizar a corentena
O refraneiro popular di que un non é de onde nace, senón de onde pace. As raíces de Abraham Cupeiro están en Sarria, pero este concertista internacional acumula vivencias por todo o mundo. Ese espírito viaxeiro, mesturado co seu amor pola música e as súas orixes, levouno a descubrir unha chea de instrumentos.
O seu afán de seguir tocando aínda que as circunstancias o dificulten e o fin de amenizarlle á xente o confinamento mediante a música fixeron que as redes de Abraham se encheran de vídeos en que mostra atípicos instrumentos. A iniciativa está a ter moi boa acollida.
A través das súas páxinas persoais de Facebook e Instagram e a páxina do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do conservatorio da Coruña ensina aparellos tan particulares como un karnyx celta, que fai soar dende a súa ventá, ou unha frauta con forma de pluma propia do pobo Hopi, unha tribo norteamericana.
Pero ademais de amosarlle ao mundo a súa colección, Abraham achega algunhas ideas para que quedar na casa non sexa sinónimo de aburrimento e, pola contra, axude a potenciar a creatividade.
Este sarriao afirma que sempre tivo interese por saber de onde nacen os instrumentos. Así, con tan só dúas pallas aprendeu a fabricar unha especie de gaita caseira. Un truco que aprendeu do seu avó e que agora mostra ao resto do mundo dende a rede.
Aburrido na casa? Abraham Cupeiro, un concertista internacional de orixe sarriá, ensínache a fabricar unha gaita caseira.
— G24 (@G24Noticias) April 20, 2020
Preme na ligazón para ver o vídeo completo e coñecer máis detalles da súa iniciativa https://t.co/b1QR78vWdz pic.twitter.com/eogzByqqrE
Para Cupeiro, o trunfo deste tipo de proxectos resulta "reconfortante", pero tamén é consciente de que, a pesar das alegrías que lle trae facer e compartir a súa música, son tempos difíciles. Por iso, quere achegar o seu gran de area en forma de homenaxe e apoio a quen están pasando momentos de angustia e tristura.
Para estoutra inciativa contou coa axuda da artista Margarida Mariño, con quen representou unha peza titulada Oblivion que se pode visualizar nas súas redes sociais e que pretende trasladar unha mensaxe de ánimo a aqueles que están perdendo os seus seres queridos nestes días.