CRTVG

Buscar

Un sadense renuncia ás súas vacacións e doa os aforros a unha ONG para alimentos

Publicado o 13/08/2020 19:59

A acción protagonizada por Juan Carlos, albanel e autónomo, paga a pena ser contada. Todos días vía as ringleiras de persoas na procura de alimentos diante do local desta oenegué de Sada. Así que, pensou, mellor non ir de vacacións e doar o que teño no peto para quen máis o necesita.

"En Nadal adoito coller unhas vacacións, pero vendo a situación sanitaria decidín non facelo este ano e aproveitar os poucos cartos que tiña aforrados para intentar axudar a xente da vila", explica Juan Carlos Tilve, albanel de profesión.

Os máis de mil euros que tiña aforrados convertéronse en tres palés de alimentos. Familiares e amigos axudáronlle na recollida e transporte do material, que vai repartir a oenegué.

A presidenta do Club de Leóns, Mercedes Raíces, corrobórao: "Dixo que nos quería doar 1.000 euros, quedamos sorprendidísimos, pero axiña vimos que o dicía en serio, e encargouse de todo".

Esta acción de solidariedade ten un fondo de puro sentido común e de responsabilidade. Algo que debera animarnos a seguir o seu exemplo.

Juan Carlos anima a xente a colaborar porque "calquera de nós pode estar na ringleira calquera día".

Nos últimos meses, coa crise sanitaria, duplicouse o número de familias de Sada que acoden aquí en busca de alimentos. Agora son máis de 120.

Noticias web

13/08/2020