CRTVG

Buscar

Un morto e sete feridos nunha colisión frontal entre dous turismos en Covelo

Publicado o 22/07/2020 22:11
Un morto e sete feridos nunha colisión frontal entre dous turismos en Covelo

Unha muller morreu e outras sete persoas quedaron feridas de diferente consideración tras unha colisión frontal entre dous turismos rexistrada a última hora da tarde deste martes dentro do termo municipal de Covelo (Pontevedra).

O accidente produciuse sobre as 20:00 horas á altura do quilómetro 11 da estrada PO-261 cando dous turismos chocaron de maneira frontal por causas que están a ser investigadas, segundo informaron fontes dos Bombeiros de Ponteareas.

Nun dos vehículos viaxaba un matrimonio de avanzada idade coa súa neta, mentres que o outro turismo implicado na colisión ía ocupado por cinco persoas.

Como consecuencia do accidente, unha muller de idade avanzada faleceu practicamente no momento. Ademais, outras sete persoas quedaron feridas de diversa consideración, segundo informou o 112 Galicia.

Ao lugar acudiron efectivos dos Bombeiros de Ponteareas, que procederon a excarcerar o corpo sen vida da muller unha vez que se autorizou o levantamento do cadáver.

Así mesmo, trasladáronse facultativos de Urxencias Sanitarias, efectivos de Protección Civil de Oitavén-Tea e axentes da Garda Civil, que se fixo cargo das investigacións para tratar de determinar as circunstancias en que se produciu a colisión.

Tamén se deu traslado do sucedido ao Grupo de Intervención Psicolóxica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia por se fose necesaria a súa intervención para atender as vítimas e os seus achegados.