CRTVG

Buscar

Falece un home de 86 anos e dous quedan feridos nun accidente en Dumbría

Publicado o 27/01/2020 08:45

Ás once da noite, Urxencias Sanitarias alertaba o 112 Galicia dun accidente mortal no quilómetro 80 da estrada AC-552 ao seu paso por Dumbría. A tal hora, un turismo en que viaxaba unha parella de octoxenarios, ambos os dous veciños de Cee, chocou frontalmente contra un vehículo en que só ía o condutor.

A vítima mortal foi o home que viaxaba de copiloto no Renault Clio. Tras o sinistro, tivo que ser liberado polos servizos de emerxencias, en concreto polos bombeiros de Cee, dado que quedara atrapado no interior do vehículo. Tanto a condutora do coche onde viaxaba o home que faleceu como o condutor do outro turismo, quedaron feridos leves. Ambos os dous, tras ser trasladados ao Hospital Virxe da Xunqueira para ser examinados, xa recibiron a alta hospitalaria.

Os vehículos xa foron sacados do lugar do accidente e atópanse arestora en dous talleres do concello de Cee. Ambos os dous condutores deron negativo nos controis de alcol e drogas, polo que as causas que provocaron o sinistro, aínda están por esclarecer.