CRTVG

Buscar

Un home mata o seu sobriño de tres anos en Santiago

Publicado o 22/09/2020 08:16

• Todo apunta a que o agresor, de 39 anos, estrangulou ata a morte o pequeno nun brote psicótico | O suceso tivo lugar nunha vivenda do centro histórico cando ambos estaban sós

Un home de 39 estrangulou ata a morte o seu sobriño de tres anos este luns en Santiago de Compostela cando ambos se atopaban sós nun domicilio situado no centro histórico.

O presunto responsable dos feitos, tras ser detido, foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago por mor do seu estado de alteración. 

O suceso rexistrouse no barrio de Santa Clara, nunha vivenda da rúa Loureiros.


O home tería asfixiado o pequeno, segundo informaron fontes da investigación, aínda que é a autopsia a que determinará a causa do deceso do menor. O falecemento do pequeno confirmouse ás oito menos cinco desta tarde. 

Nese lugar hai un gran dispositivo policial e ao mesmo desprazouse unha xuíza, que xa abandonou a vivenda. Tamén se desprazou unha ambulancia con persoal sanitario, que só puido certificar o falecemento do pequeno.


A alerta deuse pouco despois das 20,00 horas e os efectivos sanitarios tiveron que prestar asistencia tamén a familiares da vítima mortal.

A nai da vítima, que pertence a unha coñecida familia de comerciantes da capital galega que rexenta a tenda de Ultramarinos Cepeda da Praza de Cervantes, sufriu un shock tras decatarse do acontecido, indicaron as mesmas fontes. 

Contra as once da noite, procedeuse ao levantamento do corpo do meniño.