CRTVG

Buscar

Un inquilino deixa un vertedoiro de lixo tras abandonar un piso de Boiro

Publicado o 29/10/2020 14:06

Os residentes neste edificio de Boiro descubriron hai dez días o que temían sobre a orixe do mal cheiro no inmoble. Foi cando o inquilino que habitaba o terceiro C, un home de menos de trinta anos, marchou e deixou a porta aberta, presuntamente, para unha propagación mais intensa do fedor.

Polo que nos contan varios veciños, o mozo destacaba pola súa actitude incívica. Di o representante veciñal: "Deixábanos moito lixo por todos os sitios; polo garaxe, polas escaleiras... restos de marisco, porcallada, lixo, restos de comida... e a casa apareceu feita un vertedoiro.
-Denunciou o feito?
-Si, si, si. O día 18. Chamei a Policía Local, que me dixo que me dirixira á Garda Civil. Nos dous sitios atendéronme ben. Vaia, escoitáronme. O que respondeu na central dixo que ía falar cos compañeiros a ver como se ía resolver o tema. Claro, como a min non me deron ningunha noticia do que fixeron, o día 19 fun á tenencia da alcaldía do Concello (de Boiro) e alí fixen unha denuncia de como estaba ese piso. Ata agora non tiven ningunha resposta".

Este xoves, 29, aí seguía o foco de insalubridade no interior dun edificio con 20 vivendas, case todas elas de alugueiro. O fedor foise disipando coa apertura da ventá que dá ao tellado, pero quen vive non pisos máis próximos segue a soportar este mal ambiente.

Falamos coa persoa que supostamente leva a xestión do terceiro C en cuestión e negou que sexa dela ao tempo que non lle deu importancia ao problema.

Mentres tanto, persoas que viven aquí consideran que isto vén a engadirse a outras deficiencias construtivas e anomalías que están a deteriorar a convivencia sosegada nesta comunidade de Boiro.

Noticias web

29/10/2020