CRTVG

Buscar

Un incendio forestal en Carzoá, Cualedro, amaeza as vivendas

Publicado o 13/09/2020 21:00

O lume sorprendía este domingo os veciños desta aldea de Carzoá, na parroquia de Montes, pertencente ao concello ourensán de Cualedro. O incendio forestal comezaba a primeiras horas da tarde e achegábase con rapidez e virulencia ás casas.
As lapas e o fume rodeaban o lugar en pouco tempo e os veciños tiñan que fuxir e desaloxar as súas vivendas case co posto. Veciños e achegados vivían momentos de angustia e impotencia ao ver como o lume avanzaba e cercaba a aldea. Moitos temían polas súas vivendas e polos seus animais.
Algún veciño mesmo intentaba regresar á súa casa. As brigadas forestais impedíanlles o paso.

A proximidade do lume a un núcleo habitado levaba a Xunta a activar a situación 2 de emerxencia.
Tras varias horas, o incendio continúa activo. As últimas estimacións falan de arredor de 150 hectáreas queimadas.
As altas temperaturas e o forte vento dificultan os traballos de extinción.
Bombeiros e medios aéreos traballan na extinción, tamén foi solicitada a intervención da Unidade Militar de Emerxencias.

Noticias web

13/09/2020