CRTVG

Buscar

Un incendio estraga o interior dunha nave industrial en Mazaricos

Publicado o 20/10/2020 14:02

Un incendio que orixinou moito fume e calor dentro das instalacións deixou alterado o traballo dos 70 empregados na nave loxística do grupo González en Beba, Mazaricos.

Onte á noite, cando se foi a última persoa da nave, todo quedaba ben, despois dunha tarde con incidencia no servizo eléctrico, polo que nos conta a propietaria. A alarma do sinistro saltou preto das cinco da madrugada.

Sonia González, responsable de administración da empresa, dinos que acudieron rápido ás instalacións. "Non podiamos entrar, e daquela cunha furgoneta botamos o portal abaixo, porque no se lle podía nin tocar. Foinos imposible entrar. Xa chamamos os bombeiros, 112, para que viñeran axiña, porque é unha nave moi grande", asegura.

O lume empezou no secadoiro de chourizos. Ao lugar desprazáronse os equipos de urxencia, entre eles, efectivos de Protección Civil de Mazaricos.

Benito Martínez, presidente da Agrupación de Protección Civil de Mazaricos explica que "o problema é que é no centro da nave e mentres non chegas ao sitio é complicado. Hai que ir con coidado. Dentro había moita carga térmica, moita calor, e ata chegar ao sitio hai que suar. Os danos son elevados, pero se chegan a tardar media hora en dar a alarma, iría a nave toda".

Pendentes de avaliar os estragos, desde a empresa indican que son contiosos. Algunha máquina quedou afectada, pero os danos son principalmente en teitos e paredes.

Desde a empresa, Sonia González di que teñen que valorar os danos: "Hai moitísimos. Son unhas instalacións que renovamos hai pouco e nas que investimos moitos cartos. E... non sei, isto non vai ser doado", asegura.

Cinco horas despois da alerta do incendio, onde foi o foco de lume continuaban as tarefas de ventilado e retirada de materia quente, mentres no resto da nave empezaban coa limpeza.

Noticias web

20/10/2020