CRTVG

Buscar

Persoas con diversidade funcional dan a volta á península Ibérica pola costa pedaleando

Publicado o 07/07/2019 21:15

Un grupo de persoas con diversidade funcional, a maioría galegos, están a dar a volta á península Ibérica polo litoral. Hoxe atopámolos percorrendo o treito entre O Porto do Son e Carnota, na sexta etapa da súa aventura.

A idea foi de David, que ten distrofia muscular, e de Javier, que padece parálise cerebral e ataxia. Logo sumáronse Joni e Suso, en cadeira de rodas por accidente; e Iván, que sufriu un tumor cerebral. Van en triciclos e bicicletas adaptados que lles permiten viaxar co apoio dos seus respectivos pilotos.
O plan de viaxe: dar a volta enteira á península Ibérica pola costa en seis anos. Este, o primeiro, toca Galicia, que dividiron en 9 etapas.

Detrás está a asociación DisCamino, nada hai case dez anos da man dun mozo xordocego de Vigo que logrou facer o camiño de Santiago pedaleando co seu amigo e adestrador Javier Pitillas e quixo que outras persoas con diversidade funcional tivesen a mesma oportunidade.

Os socios de DisCamino acumulan viaxes e invitan a quen o desexe a participar nas súas aventuras.

Hoxe encontrámolos en Muros camiño do Pindo. Mañá pasarán por Fisterra e Muxía.

Noticias web

07/07/2019