CRTVG

Buscar

Un grafólogo desata a polémica tras describir o Chicle como un depredador sexual sen cura

Publicado o 19/11/2019 19:24

No xuízo polo crime de Diana Quer escoitouse hoxe a declaración máis polémica da causa. Un grafólogo da Garda Civil que estudou a escritura de Abuín defíneo como un depredador sexual sen cura. As súas palabras provocaron debate na sala.

"A personalidade do acusado é significativamente marcada cara a todo o relacionado cca violencia sexual, non ten control sobre os seus instintos sexuais, non ten ética nin conciencia do dano feito, non ten empatía e pode exercer a violencia, que con seguridade xa a exerceu, porque iso tamén se pode determinar a través da súa escritura, e vaina seguir exercendo".

É unha afirmación contundente baseada no estudo das cartas que escribiu Abuín cando estaba no cárcere. A declaración desta testemuña suscitou non só un debate entre o experto e a avogada defensora. Tamén espertou as dúbidas do propio xuíz.

- Avogada da defensa: "Vostede pode determinar que é un depredador sexual pero non sabe se é zurdo ou destro". 
- Grafólogo: "Non ten nada que ver unha cousa coa outra". 

- Avogada da defensa: "No seu informe non achega bibliografía, nin estudos, nin metodoloxía". 
- Grafólogo: "Se quere podo traerlle unha bibliografía de máis de cen libros".

- Xuíz: "Este test é recoñecido academicamente polo sistema oficial de educación?"
- Grafólogo: "Eu recibín o test e empecei a formarme nel antes de irme a italia no departamento de Medicina Legal e Forense da Universidade Complutense de Madrid".

A declaración do grafólogo converteuse este martes no momento máis controvertido do xuízo polo crime de Diana Quer.

Ademais del declarou unha entomóloga que estudou os insectos no cadáver de Diana. Por ela soubemos que o corpo da moza estivo polo menos 20 días aboiando no pozo de Asados. Despois, Abuín volveu colocarlle uns bloques e un cable para afundilo. No cabelo dela apareceron larvas dunha mosca que conseguiu completar o seu ciclo. Isto proba que a cabeza estivo polo menos ese tempo fóra da auga.

Marisa Magaña. entomóloga que estudou insectos do cadáver: "Esta especie a temperatura que estaba tarda no ciclo completo uns 20 días".

E unha especialista en dano corporal certificou que o crime de Diana e o tempo que estiveron sen saber dela provocaron na familia un dano irreparable. 

Patricia Alcalá, médica especialista en valoración de dano corporal: "Non teño dúbida de que o dano que teñen estas tres persoas é irrecuperable e vai ser peor porque a loita pola xustiza fai que se manteñan en pé. Cando xa remate quédalles a soidade e convivir con isto".

Outra das forenses citadas este martes confirmou que Abuín non ten ningunha alteración psiquiátrica que lle impida comprender a realidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019