CRTVG

Buscar

Un galego en corentena nun transatlántico que fai rutas pola China

Publicado o 31/01/2020 18:51

Un transatlántico que fai rutas na China, Vietnam, Filipinas e O Xapón decidiu illar a tripulación en mar aberto e cancelar o resto das viaxes. Está na tempada chinesa e tiña que ter 1.700 turistas a bordo, pero tras deixar a última pasaxe, a compañía tomou esta decisión. Entre os traballadores do barco está o compostelán Mago Vituco.

"Nós atopámonos en corentena durantes uns 15 días para comprobar que os tripulantes non teñen ningún dos síntomas do coronavirus. Non podemos saír do barco. Estamos sen pasaxeiros e esperando a que pasen os días como podemos", di Mago Vituco.

A compañía non ten sospeitas de que haxa ningún infectado. Así que este illamento é simplemente unha cuestión de seguridade. Mentres dura o descanso, os traballadores teñen charlas diarias sobre prevención, facilidades para contactar cos achegados e tamén actividades lúdicas para pasar o tempo.

Di que a compañía os trata ben e que se preocupa por eles. "Dános indicacións para prevención e para ver que todos estamos tranquilos", engade Mago Vituco

En principio esta corentena remataría o día 10 de febreiro, pero todo depende de como evolucione a situación.

Noticias web

31/01/2020