CRTVG

Buscar

Tráxico agosto nas estradas galegas, nas que perderon a vida este ano 59 persoas

Publicado o 17/08/2019 15:09

Un ferido grave nun accidente no centro de Lugo e tres falecidos no que vai de ponte festiva nas estradas galegas.

Un accidente esta madrugada en pleno centro de Lugo continúa sumando feridos no reconto provisional dende que comezou a operación especial de tráfico durante esta ponte festiva de agosto. O sinistro aconteceu pouco despois desta medianoite, cando un condutor perdeu o control do seu vehículo na ronda da Muralla luguesa, subiu pola beirarrúa e acabou batendo contra o valo dun edificio ministerial. A violencia da colisión foi tal que o coche perdeu o motor, que apareceu varios metros máis lonxe. O home foi trasladado ao complexo hospitalario Lucus Augusti e, segundo fontes policiais, o seu estado era grave.

Horas antes producírase o peor accidente no que vai de ponte vacacional nas estradas galegas. Dúas persoas perdían a vida, un motorista e a súa acompañante, tras chocar contra un turismo. Aconteceu en Monforte, na estrada que xunta esta vila con Castro Caldelas. As vítimas tiñan 39 e vinte anos.

Os servizos de urxencias non pararon de traballar e tamén no serán de onte, no concello coruñés de Noia, á altura de Taramancos, unha colisión entre dous turismos deixaba dúas persoas feridas. Unha delas continúa ingresada moi grave no complexo hospitalario de Santiago de Compostela.

A estes sinistros hai que engadir o acontecido o xoves pasado, en Bértoa, onde a colisión entre un turismo e unha furgoneta deixou un falecido e outras dúas persoas feridas. 

Este mes de agosto está a resultar tráxico nas estradas galegas e, segundo os últimos datos públicos da Dirección xeral de Tráfico, no que vai de ano xa perderon a vida 59 persoas nas vías de Galicia, catro máis que o ano pasado no mesmo período.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/08/2019