CRTVG

Buscar

O roubo dunha furgoneta en Santiago acaba cun accidente, un ferido e un detido tras outro roubo na cidade

Publicado o 28/11/2019 09:34

A Policía Nacional investiga a relación dun individuo detido coas mans na allada na madrugada deste xoves por un roubo nun bar do centro histórico de Santiago de Compostela coa furgoneta que a última hora da tarde deste mércores caeu ao Río Sarela.   

Así o manifestaron fontes próximas á investigación, que explicaron que a furgoneta sinistrada sobre as 20,00 horas deste mércores fora subtraída e tratan de pescudar cuantos ocupantes ían no seu interior antes do accidente.   

En concreto, indicaron que o único ocupante localizado, que foi rescatado de dentro do vehículo tras o sinistro, permanece hospitalizado e coa condición de detido.   

Ademais, na madrugada deste xoves, unhas horas despois do sinistro, rexistráronse dous roubos con forza; un nun bar na Algalia, no centro histórico compostelán, e outro nunha pastelería da zona centro.   

Un dos implicados no roubo do bar foi sorprendido e detido, destacaron as mesmas fontes consultadas, que apuntaron que a Policía trata de pescudar a relación deste arrestado coa furgoneta, xa que se baralla que fose un dos ocupantes fuxidos.

O accidente tivo lugar cando unha furgoneta na que viaxaban supostamente tres persoas caeu ao Río Sarela desde a estrada AC-543, nas inmediacións do Hospital Clínico, en Santiago de Compostela.   

Ao lugar desprazáronse os Bombeiros de Santiago, que liberaron a un único ocupante que estaba dentro. O 061 desprazou dúas ambulancias de soporte vital básico e dous equipos sanitarios ao momento, tras o que evacuou a unha persoa a un centro hospitalario.

Noite accidentada en Santiago

Esta mesma noite producíronse outros dous accidentes na contorna de Santiago. O último, o dun mozo que quedou ferido ao envorcar o seu coche en Vidán, na saída da cidade.

Moi preto de alí, na entrada sur de Santiago de Compostela, á altura do barrio de Vidán, un turismo envorcou. Foi cara ás catro da madrugada, e o mozo que conducía o vehículo sinistrado quedou ferido e foi trasladado ao hospital. Ao sinistro acudiron a Policía Local, Bombeiros e Garda Civil de Tráfico.



 

Noticias web

28/11/2019