CRTVG

Buscar

Un equipo forense di que Diana Quer foi violada

Publicado o 21/11/2019 21:06

• Desacordo entre os dous equipos forenses: un sostén que hai un edema que confirma a violación; o outro conclúe que non se pode probar nin descartar a agresión sexual

• Coinciden en que o Chile matou a Diana cunha brida

• O pai de Diana di que quedou probado o móbil sexual do crime

A deste xoves era unha xornada clave para demostrar se Enrique Abuín violou a Diana Quer antes de matala. Na autopsia xenital non atoparon lesións nin mostras xenéticas como seme ou ADN, debido ao estado do cadáver tras tantos días somerxido. Pero, con todo, as análises forenses non confirman nin desmenten a agresión sexual.

Alberto Fernández, forense que fixo a autopsia de Diana Quer: "Pode non atoparse nada e non por iso deixar de ser unha agresión sexual. Nestas circunstancias, equimoses, esgazaduras pequenas e cousas dese tipo perderiámolas".

Pero outro equipo forense que revisou a autopsia a petición da acusación particular cre que si hai probas de violación. Din que nos xenitais de Diana se vía claramente un edema.

Xosé Blanco Pampín, xefe do servicio de Patoloxía do Instituto de Medicina Legal de Galicia: "Pode ter explicación nun acto sexual con manobras intempestivas sen lubricación, repetidas con certa violencia para que se produza iso que quedou fixado polo tempo e pola conservación da temperatura da auga".

O desacordo entre os dous equipos derivou nun debate científico de máis de media hora a petición do propio xuíz. A intención era deixar claros os conceptos ao xurado. Pero as diferenzas mantivéronse ata o final. Un dos forenses que fixo a autopsia recoñecía que calquera opción é posible.

Alberto Fernández, forense que fixo a autopsia de Diana Quer: "Non estamos discutindo se pasou ou non, discutimos se esta proba o demostra. Desgraciadamente, todas as probas que fixemos non permitiron confirmar que pasou, pero iso non significa que non pasase".

O que si quedou claro é que a causa máis probable da morte de Diana Quer foi o estrangulamento cunha brida. Os forenses descartan o esganamento accidental e desmontan, unha vez máis, o relato do acusado.

As sesións orais continuarán o venres, coa declaración de varios axentes que participaron na investigación, e o luns está previsto que se presenten as conclusións.

Noticias web

21/11/2019