CRTVG

Buscar

Un discapacitado denuncia que a comunidade lle nega unha rampla no portal

Publicado o 18/12/2019 14:44

José Luis García Caparrós, veciño da rúa coruñesa de José Baldomir,  di que pasa a maior parte do día no cuarto que ten alugado no 19, porque desde que lle amputaron unha perna cústalle moito moverse. No cuarto desprázase en cadeira de rodas ata o ascensor, pero para chegar á beirarrúa ten sete chanzos e só baixa obrigado polas necesidades da mascota. Pide que a comunidade cambie a escaleira por unha rampla, pero -segundo di- conta co rexeitamento frontal da presidenta.

"Ao dicirllo a señora díxome que non, non; que súa nai morrera en cadeira de rodas e que, evidentemente, non ía facer aquí unha rampla, nin accesos, nin nada".

Das doce vivendas, dez están alugadas. Explica José Luis que os inquilinos están todos con el. Tamén di que os donos do andar en que vive non poñen pégas a unha derrama para pagar os mil euros que custaría facer a rampla. Engade que o problema está no resto de propietarios e quéixase sobre todo da actitude da presidenta da comunidade na última xuntanza.

Caparrós engade: "Comenteilles que estaban denunciados. Estaba todo o portal cheo e cando saín dixo ela (a presidenta) algo e a gargallada foi xeral. Quedei estupefacto. Estaban a rirse".

O prexudicado di que os seus ingresos de 380 euros ao mes non lle dan para máis que agardar a que a xustiza poña solución a un problema que debería estar resolto xa pola comunidade de propietarios.

Noticias web

18/12/2019