CRTVG

Buscar

Un coruñés meteuse no mar con aviso vermello e foi denunciado

Publicado o 29/10/2020 14:49

Un coruñés de 23 anos na tarde de onte, con aviso vermello no mar, saltou o precinto policial e se meteu na auga.

"Meteuse na praia do Orzán e ao final saíu en Matadeiro sen ningunha xustificación. Activáronse todos os servizos de emerxencias malia que non tiveron que actuar, pero emitiuse un informe e está proposto para sanción. A explicación que deu foi que lle apetecía nadar", explica Carlos García Touriñán, director de Seguridade Cidadá da Coruña. 

"É un irresponsable porque se puxo en perigo el e se cadra outros...", di un coruñés.

Amais, neste areal oleirense de Santa Cristina, Salvamento Marítimo tivo que rescatar dous piragüistas que foron arrastrados pola corrente. Ambos os dous atópanse en bo estado.

Hoxe, a situación no segue a estar complicada.

"Está moi bravo, pero moi bonito", di un coruñés.

"Hoxe xa estamos en aviso laranxa e agardamos que o mar vaia a menos. Con todo, o peor momento será entre as dúas e media da tarde e as catro e media. Así que hai que dicir que ao longo de todo o día ninguén se achegue ás zonas de rochas ou rompentes porque está moi perigoso", engade Carlos García Touriñán.

Contra as seis da tarde, o aviso pasará a ser amarelo. Hoxe librámonos do mar de fondo e para mañá non hai ningún aviso no mar. Porén, durante a fin de semana, unha nova borrasca arrastrará ventos do sur á costa galega e é probable que se activen novos avisos.

Noticias web

29/10/2020