CRTVG

Buscar

Un coro californiano sorprende a Xabier Díaz coa súa versión de 'Cantiga da montaña'

Publicado o 29/01/2020 17:14

The World Harmony Chorus, de California, colgou recentemente en 'YouTube' un vídeo interpretando en galego o tema 'Cantiga da Montaña', de Xabier Díaz e Adufeiras de salitre. E detrás disto, hai toda unha historia.

 

Hai uns meses, o director deste coro californiano escribíralle a Xabier Díaz preguntándolle pola orixe deste tema. O artista galego fixo memoria e lembrou que a escoitara por primeira vez no programa Alalá, da Televisión de Galicia. 

"Nun programa de música dos Ancares saía un home que se chamaba Suso que cantaba un tema, ata creo que se chamaba así, Cantiga da montaña e eu inspireime nese tema para facer o meu, e ese tema gustoulle ao americano", sinala o músico Xabier Díaz.

Este martes, o artista recibiu un novo correo do director de The World Harmony Chorus, en que lle remitía a ligazón a unha actuación da agrupación interpretando o tema no idioma orixinal. Xabier Díaz asegura estar emocionado xa que a interpretación do coro californiano, sen vinculación ningunha con Galicia, reproduce fielmente o seu tema, coa percusión e un excelente galego. Só falta como fondo A Ponte Maceira.

"Engadín tamén unha percusión que este home, chamado Daniel Steinberg, incluíu no seu coro. Así cando vin 60 persoas facendo iso...dixen, fixérono máis ou menos tal cal e foi emocionante, onte estaba moi emocionado, a verdade", di Xabier Díaz. Abofé que a música galega traspasa fronteiras.