CRTVG

Buscar

Un cento de estudantes confinados nunha residencia universitaria de Bilbao ao detectárense dezasete positivos

Publicado o 20/09/2020 21:27

No resto de España destacaban este domingo os casos dunha residencia de universitarios en Bilbao onde permanecen confinados un cento de estudantes entre os que hai, polo momento, 17 positivos. En Granada, dous gromos nun hospital afectan xa unha vintena de sanitarios. E en Benigànim, Valencia, os veciños viviron a última fin de semana de confinamento; o martes rematan as restricións de mobilidade.

Parques infantís precintados e rúas practicamente baleiras en domingo nesta zona de Eivisa afectada polo aumento de casos positivos. Veciños e familias aceptan con resignación as restricións de mobilidade. A situación é semellante en varias poboacións da Comunidade Valenciana, que sumaba nas últimas horas 15 novos gromos activos, o máis importante en Almussafes. Neste pequeno municipio hai polo momento 16 casos confirmados.

En Benigànim, esta fin de semana foi a última de confinamento. Os veciños esperan con moitas ganas que chegue o martes, o día en que poderán recuperar a normalidade, saír da vila e reunirse coa familia; os pequenos regresarán á escola. Pero ata ese día continúan as restricións sociais e moitos comercios permanecen pechados.

No País Vasco, tras varios casos positivos en centros escolares, o hospital de Basurto en Bilbao está a realizar probas masivas de PCR. Tamén en Bilbao, nunha residencia universitaria, hai un cento de estudantes confinados. Hai polo momento 17 positivos, que permanecen illados nos seus cuartos. O gromo comezaba cun positivo con 30 contactos estreitos.

En Andalucía, tras detectárense varios casos positivos, pecháronse un total de dez clases no único colexio da localidade sevillana de Gerena. Mañá desinfectarase o centro. E nun hospital de Granada outros dous gromos deixan xa unha vintena de sanitarios afectados.

Noticias web

20/09/2020