CRTVG

Buscar

Xornada no Gaiás para estimular o talento tecnolóxico precoz

Publicado o 27/10/2019 20:56

Máis dun cento de escolares aprenderon no Gaiás programación, robótica, manexo de drons ou animación en 3D. Son algúns dos obradoiros organizados nun proxecto, Techkids, que tenta estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías.

"Eu teño un xogo de Lego que o montas e o podes programar coa tableta", asegura Saúl Doménech Alberte.

"A min gústanme as lentes virtuais, porque os meus pais teñen unhas. E tamén as cámaras", engade Daniela Feijóo Mirón.

Gústanlles as tecnoloxías e hoxe veñen ao Gaiás asumir novos retos. Nesta xornada, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, hai obradoiros de programación, robótica, pintura electrónica, animación 3D ou manexo de drons.

"A min gustaríame quedar na casa pero poder percorrer máis mundo. Porque eu poño unha cámara no dron e podo conducilo por aí. Así, quedo na casa e podo ir mirando o que pasa", explica Sarela Rúa Pérez.

Ese é o obxectivo principal: estimular o talento precoz no ámbito tecnolóxico e difundir as súas posibilidades prácticas. Pero non o único, tamén pretende corrixir a escaseza de vocacións entre as rapazas.

"Sobre todo que vexan que a tecnoloxía afecta todos os ámbitos da nosa vida: a educación, a sanidade, as viaxes.... Practicamente en calquera ámbito dunha sociedade moderna como a nosa hai tecnoloxía detrás. Polo tanto, se a perciben dende pequenas espertaremos moitístimas vocacións", agarda Fernando Suárez, presidente do CPEIG.

Con esta xornada clausúrase o programa TechKids, que durante o verán organizou actividades tecnolóxicas por toda Galicia. En total, participaron preto de 500 escolares de cidades, vilas e localidades pequenas en que resulta complicado acceder a obradoiros deste tipo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/10/2019