CRTVG

Buscar

Un camión romanés está atrapado en Campobecerros ao perdese co GPS

Publicado o 24/10/2019 14:59

O camioneiro romanés leva dúas noites seguidas durmindo na cabina do seu tráiler ao quedar dúas veces inmobilizado nas estradas locais da provincia de Ourense. Cargado con 24.000 toneladas de tubaxes para as obras do AVE, agora permanece atrapado nesta estrada á entrada da aldea de Campobecerros, no Concello ourensán de Castrelo do Val. Viñera á Agudiña desgargar o material para as obras do AVE e pretendía volver a Italia. Pero foi o navegador GPS o que o levou primeiro por unha pista sen nome polo medio do monte e alí rebentou tres rodas ao pasar por riba dunha arqueta. Tras cambialas, retomou o camiño e foi dar a esta curva estreita e moi pechada. Bateu contra un muro e a parte de atrás do remolque do camión quedou supendida no aire fóra da vía. O vehículo está ademais avariado, porque rompeu o circuíto de aire e ten danado o sistema de freado.

Esta mañá o responsable dunha empresa da Gudiña estivo valorando o xeito de sacalo. Primeiro terán que reparalo e despois un guindanstre de gran tonelaxe colocarao de novo sobre a vía. O remolque está cargado porque, segundo nos explicou o camioneiro, boa parte do material viña defectuoso e ten que levalo de volta a Italia. A manobra de rescate que está prevista que comece esta tarde pode alongarse varias horas. Despois, por fin, terá que reemprender o camiño de 2.000 quilómetros ata Italia e outros 1.500 quilometros ata Romanía, onde vive o home de 47 anos. Di que tardará cinco días e medio en volver á casa, unha viaxe que se truncou polas indicacións enganosas do GPS. E non é a primeira vez que isto acontece nesta zona. Co home estivo o GES de Laza e tamén unha patrulla da Garda Civil de Tráfico de Verín. Ten comida e bebida para pasar o tempo de espera que aínda lle queda.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/10/2019