CRTVG

Buscar

Un camión parte en tres nun accidente no polígono santiagués da Costa Vella

Publicado o 01/08/2019 19:47

Aparatoso accidente entre un camión cisterna e un turismo no polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela. O camión quedou partido en tres cachos ocupando os dous carrís de circulación do periférico. Por incrible que pareza, ambos condutores resultaron feridos leves.

Un camión cisterna, que transportaba vinagre, colidiu violentamente cun turismo no polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela. Segundo os primeiros indicios, os corpos de seguridade cren que o accidente se produciu por un cambio de carril e, debido ao golpe, o camión impactou contra a mediana para, acto seguido, dar varias voltas de campá e quedar en tres partes. Mentres, o turismo quedou desfeito na parte dianteira.

Membros dos servizos de emerxencias transladáronse ata o lugar para socorrer os condutores. O chofer do camión precisou de axuda ao quedar atrapado na cabina, mentres que o condutor do turismo, con varias contusións, puido saír do vehículo polo seu propio pé. Pese á aparatosidade do accidente, non houbo feridos de gravidade.

Quedan por determinar as causas concretas do sinistro, que nun primeiro momento analizou a Policía Local sobre o terreo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí