Un bebé de 11 meses queda ferido en Vilagarcía durante unha liorta entre os pais
Os veciños deste edificio de sete andares da avenida da Mariña en Vilagarcía foron os que chamaron a Policía Local porque escoitaron unha forte pelexa entre unha parella. Ao chegaren ao lugar, os axentes tiveron que intervir para que deixasen de lesionarse entre eles. A muller tiña feridas nun beizo e nunha orella, mentres que o home estaba ferido no pescozo, na boca e no nariz. Os dous amosaban síntomas de embriaguez e foron detidos.
Semella que durante a liorta entre eles, o seu fillo, un bebé de once meses, recibiu un golpe mentres estaba no colo da nai. O neno foi trasladado ao hospital do Salnés e descartouse que tivese lesións graves. Na vivenda residen ademais outros dous menores, un de 14 e outro de 7 anos, e unha muller, tía dun deles, que tamén alertou a policía do ocorrido.
Despois de activaren o protocolo de violencia de xénero, os axentes trasladaron os detidos ás dependencias da Policía Nacional, onde pasaron todo o día á espera de pasaren a disposición xudical. Están acusados dun delito de violencia no ámbito familiar. A Subdelegación do Goberno indicou que será unha familiar a que se faga cargo do bebé.