CRTVG

Buscar

Un axente declara que o Chicle lle dixo que volvera ao pozo despois do crime

Publicado o 20/11/2019 15:48

Enrique Abuín recoñeceu "espontaneamente" aos axentes da Garda Civil que o levaron ata a nave abandonada de Asados que regresara alí despois do crime para "fondear o corpo" e rexeitou achegarse ao pozo ante o recordo do cadáver da moza.

Así o dixo un axente da UCO que prestou declaración como testemuña na sétima xornada do xuízo contra Enrique Abuín polo crime de Diana Quer.

Ante o tribunal, o garda civil explicou que, tras a súa detención, o Chicle recoñeceu desde o "primeiro momento" ser o autor da morte, pero atribuíuno a un atropelo.

Inicialmente, asegurou que enterrara a Diana no polígono da Pobra, algo que foi descartado, pero que se investigou. Despois, levou os axentes ao porto de Taragoña.

Finalmente, o Chicle confesou, tras a posta en liberdade da súa muller, que botara o corpo de Diana a un pozo situado no soto da nave abandonada de Asados, a onde se dirixiu esa mesma madrugada cos axentes.

Con todo, a testemuña contou que, durante a inspección, Enrique Abuín rexeitou achegarse ao pozo.

Ao preguntarlle por esta actitude, asegurou que o detido dixo "espontaneamente" que regresara con posterioridade ao crime á nave para "fondear" o corpo e que ese recordo do corpo de Diana lle xeraba o rexeitamento para achegarse.

"Teño gravada a cara da nena coma se a estivese vendo agora mesmo", dixo o acusado, segundo o axente, ao que lle dixo que fora a Asados "uns días despois" para "fondear" o corpo e vira o cadáver.

En todo caso, esta declaración non foi reflectida nas dilixencias e o axente dixo que descoñecía se as oíu o primeiro avogado que tivo o Chicle, que o acompañaba ese día.

Nesta xornada, o xurado tamén puido ver un vídeo cunha reconstrución do percorrido que fixo o teléfono de Diana o 22 de agosto de 2016, día da súa desaparición. Varios axentes confirmaron que a a xeolocalizaon do Chicle si coincidía coa desaparición de Diana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí