CRTVG

Buscar

Un avión parte en tres cando aterraba nun aeroporto de Istambul

Publicado o 05/02/2020 18:07

Un avión de pasaxeiros que voaba de Esmirna a Istambul saíuse este mércores da pista ao aterrar no aeroporto de Sabiha Gökçen en Istambul e partiuse en tres, pero o accidente non causou vítimas mortais, informa a cadea turca NTV. Segundo aclarou o ministro de Comunicación turco, Mehmet Cahit Turan, nunha chamada á citada cadea, o espectacular accidente produciuse tras unha aterraxe difícil. 

O accidente causou máis dun cento de feridos. Entre eles os pilotos, un deles está grave. Algúns pasaxeiross sairon polas ás do avión. Outros ainda están atrapados entre os restos da fuselaxe. O goberno turco explica que o avión non puido desacelerar e bateu contra un campo desde o final da pista.

O avión, dunha compañía comercial, que despegara de Esmirna e levaba a bordo a 177 pasaxeiros, derrapou na pista e rompeu ao saírse do asfalto, sinala NTV. Nuns vídeos difundidos pola cadea apréciase un incendio menor, que foi apagado tras a intervención dos bombeiros, e vese como varios pasaxeiros abandonan o avión por ocos na fuselaxe causados ao romper o aparello.

A cabina do piloto aparece completamente separada do resto da aeronave. O aeroporto de Sabiha Gökçen, o menor dos dous situados en Istambul e que se acha na parte asiática da cidade, quedou pechado ao tráfico e os voos deriváronse ao próximo aeroporto de Istambul na parte europea.

Noticias web

05/02/2020