CRTVG

Buscar

Un autobús escolar impacta contra un muro en Nogueira de Ramuín sen causar feridos

Publicado o 09/01/2020 19:43
Un autobús escolar impacta contra un muro en Nogueira de Ramuín sen causar feridos

O municipio ourensán de Nogueira de Ramuín viviu durante a tarde do xoves un pequeno susto tras un accidente en que se estivo involucrado un autobús escolar, que se saíu da estrada e finalmente chocou contra un muro. O vehículo, en que viaxaban tres persoas (unha delas menor), cubría a liña entre Luintra e Faramontaos e experimentou unha saída de vía para despois impactar contra unha parede.

Afortunadamente, segundo matizan fontes do 112 Galicia, unicamente se rexistraron danos materiais e ningún dos ocupantes quedou ferido. De feito, foi o propio condutor o que alertou do sucedido, sobre as 16,40 horas.

A pesar diso, as tres persoas que viaxaban no autobús quedaron atrapadas no interior, debido a que as portas de liña terminaron encaixadas contra a parede. Así, deste xeito, os servizos de Emerxencia desprazados tiveron que liberase os seus ocupantes e ao condutor a través dunha das xanelas.

Desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Garda Civil de Tráfico, ao GES do Pereiro de Aguiar, Bombeiros de San Cibrao das Viñas e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Nogueira de Ramuín.