Un artista irlandés reencóntrase co barco co que fixo o Camiño de Santiago
Glen Hansard e catro artistas máis fixeron o Camiño por mar desde Irlanda nunha barca tradicional. Unha aventura tan marabillosa que a recolleron nun documental e que, un ano despois de chegar a Compostela, decidiron repetir polas Rías Baixas.
Quixo a fatalidade que na Guarda o bote envorcara e falecera un dos tripulantes. Hoxe o artista irlandés reencóntrase coa vella embarcación, que foi restaurada e exponse no Museo do Mar de Vigo.
Dani era o capitán e o impulsor da idea. Ao ritmo das padexadas que aínda garda no seu móbil e ao pé da mesma embarcación na que fixeron o Camiño de Santiago por mar, Glen Hansard volve ver o bote e volve cantarlle a mesma canción que daquela entoaban todos xuntos.
"O sentimento é como visitar un vello amigo a quen botei de menos. O barco era o quinto membro do grupo. E o máis importante", asegura.
A última vez que o viu estaba desfeito. A Asociación Galega do Patrimonio Industrial rescontruíuno e promoveu unha exposición que acolle o Museo do Mar de Vigo.
"É un barco tradicional irlandés que ten quizáis máis de 2.000 anos e que, se cadra, levárono os vascos ou os galegos cando viaxaban ao norte. Ten un deseño incrible, é moi lixeiro e mantense nas ondas."
No barco había tres regras: non había cartos, nin camas nin queixas. Recorda con moita gratitude a hospitalidade da xente en cada porto. Unha viaxe que non desbota levala á música.
O bote está destinado a converterse no símbolo da peregrinación xacobea por mar, quen sabe se esta canción na súa banda sonora.