CRTVG

Buscar

Un arquitecto lucense deseña pantallas para aulas e comedores escolares

Publicado o 01/10/2020 14:31

O arquitecto lucense Avelino Fernández Castiñeira creou unhas pantallas que blindan a seguridade dos alumnos nos centros de ensino. O colexio da Ponte, en Lugo, foi o primeiro onde se instalaron. Grazas ao seu deseño, estas proteccións desmontables adáptanse ás necesidades específicas do comedor, posto que permiten protexer todas e cada unha das mesas sen que os rapaces teñan que estar separados salvo por unha lámina de cinco milímetros de grosor.

"Ten que ser algo que se poida montar e desmontar facilmente e que non quede fixo á mesa, para que despois poidan valer. Xurdiu a idea, démoslle unha volta, ensinámoslla ao director e gustoulle moito", di Avelino Fernández, arquitecto.

"Fíxose un modelo por paneis, de tal maneira que poden comer nunha mesa seis ou catro. Iso é moi importante, porque se non temos alumnado dabondo para encher o comedor, comen catro e fano máis separados. A segunda vantaxe que lle vemos é que coa distancia de un metro e medio de seguridade, os nenos para falar terían que berrar e falar moito máis alto, e neste caso están uns preto dos outros sen risco de contaminación e fan a súa función social tamén", explica José Luis Bernedo, director do CEIP A Ponte de Lugo.

As pantallas tamén se fabrican en Lugo. Están feitas de policarbonato, un material transparente máis resistente ca o metacrilato e facilmente lavable.

"Nós propoñemos policarbonato, que é moito máis duro. Nun comedor en que os nenos andan coas bandexas o material ten que ser resistente. Ten que ser facilmente desmontable e que non rompa. O metacrilato é máis fráxil, mentres que o policarbonato se adapta mellor e non rompe. De aí a idea de facelo de policarbonato, que é máis caro ca o metacrilato", di Avelino Fernández.

O investimento nestas pantallas foi de 6.000 euros. Ademais do colexio da Ponte, outros centros, coma o Instituto dos Ollos Grandes, tamén apostaron por este tipo de protección para os seus alumnos.

Noticias web

01/10/2020