CRTVG

Buscar

Un anticoagulante logra frear o alzhéimer en ratos

Publicado o 08/10/2019 14:34

Científicos españois descobren que un fármaco anticoagulante podería frear a aparición do alzhéimer. Polo momento o ensaio só esta probado en ratos, pero o éxito da investigación xera grandes esperanzas para o futuro tratamento da enfermidade.

Un anticoagulante de uso común podería ser a chave para o futuro tratamento do alzhéimer. No Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares comprobaron que un grupo de ratos predispostos a desenvolver a enfermidade lograba conservar a memoria tras un ano de tratamento.

"O tratamento o que fai é diminuír a formación de coágulos, mellorar a perfusión cerebral e  facilitar que cheguen nutrientes e osíxeno ao cerebro retrasando,polo menos, os síntomas da enfermidade", explica Marta Cortés Cantell, investigadora do CNIC.

Para reducir os riscos de hemorraxia dos anticoagulantes clásicos trataron os ratos con Dabigatrán, un fármaco de acción directa co que van seguir ensaiando.

"Agora é importante corroborar o ensaio noutro modelo animal e atopar a menor dose precisa para obter resultados positivos", di Marta Cortés.

Os resultados abren unha porta esperanzadora na loita contra o alzhéimer, que borra os recordos de máis de 30 millóns de persoas en todo o mundo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2019