Un anaco dos 50 anos de historia do Obradoiro
Todo comezou o 5 de outubro de 1970. Aquel día 29 rapaces de Santiago fundan o Obradoiro.
Tras moito insistir, en febreiro do ano 1975, o club estrea nova casa no vello pavillón de Sar.
No ano 82, e dirixidos por Pepe Casal, o Obradoiro de Mario Iglesias, Modrego e Alberto Abalde acada o ascenso á Primeira División. Algo impensable.
En 1990 e ante o Juver Murcia, o Obradoiro pelexa por estar na Liga ACB. Perde o 'playoff', pero reclama a aliñación indebida do arxentino Esteban Pérez, inscrito como español cun DNI falso. Tras 17 anos de litixio, o Supremo dálle a razón ao Obradoiro.
A espera mereceu a pena. En 2009 o equipo debuta na ACB e o Obradoiro convértese nunha referencia. Caen os grandes e cada partido na caldeira de Sar é unha festa.
E con Moncho Fernández á fronte, aquel equipo fundado hai 50 anos por uns amigos... disputa este ano a súa décima temporada consecutiva en ACB. Unha familia envolta no feitizo do miudiño.