CRTVG

Buscar

Un 35% dos que non votarán o 10-N é porque están fartos da política

Publicado o 29/10/2019 13:02
Un 35% dos que non votarán o 10-N é porque están fartos da política

Un 35 % das persoas que non ten previsto ir votar nas eleccións do 10-N é porque están fartas da política, segundo o macrobarómetro preelectoral do CIS.

A segunda razón para non acudir ás urnas é non estar de acordo coa repetición electoral, segundo os datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas.

En concreto, un 22,5 por cento das persoas que non pensan ir votar argumentan como principal motivo esa segunda razón, mentres que outro 22 por cento non pensa votar porque "non o convence ningún partido nin líder".

Ademais, un 11,4 por cento non vai ir a votar porque nunca o fai.

A porcentaxe de electores que probablemente, ou con toda seguridade, non pensa votar é do 15,8 por cento, segundo este barómetro, cuxo traballo de campo levou a cabo entre o 21 de setembro e o 13 de outubro, antes de coñecerse a sentenza do 'procés' e de que se producise a exhumación de Franco.

Pola contra, un 67,3 por cento asegura que irá votar "con toda seguridade" e outro 11,5 "probablemente si" o fará, o que eleva a porcentaxe de posibles votantes a 78,8 por cento. Mentres, outro 5,1 por cento aínda non o ten decidido.

De entre os que pensan acudir ás urnas o 10 de novembro, un 66,6 por cento xa ten elixido a quen vai a votar, e outro 32,3 por cento aínda non o decidiu.

Estes indecisos están a dubidar entre diferentes opcións, un 9,3 por cento entre PP e Ciudadanos, un 7,5 por cento entre PSOE e Cidadanos e un 6,6 por cento entre PP e PSOE.

Hai tamén un 5,9 por cento que está entre votar a PSOE ou Unidas Podemos, e 2,6 por cento dubida entre PP e Vox. E hai unha porcentaxe similar, o 3,3 por cento, que dubida entre PSOE-Podemos, sen as súas confluencias, e PSOE-Más País, a nova opción liderada por Íñigo Errejón.