CRTVG

Buscar

Turismo 100x100 asesora empresas de balde para afrontar a covid-19

Publicado o 13/10/2020 14:37

Como seguir vivindo do turismo con menos turistas? A resposta pode estar nun programa que pon en marcha o Clúster de Turismo de Galicia para asesorar negocios que estean pasando momentos complicados por culpa da pandemia. O obxectivo: buscarlle alternativas cun seguimento individualizado.

É un programa cen por cento personalizado e cen por cento de balde.

"Hai que intentar implementar medidas a curto prazo. Medidas que resolvan. Algunhas poden ser de carácter financeiro, outras poden ser de carácter legal. Pero, sobre todo, algo que lles permita cambiar", explica un técnico do Clúster do Turismo.

Silvana Crisóstomo rexenta en Tui un negocio de hostalería moi posicionado no Camiño de Santiago. Xa se anotou ás consultas: "Sentar, falar e de aí que xurdan as ideas. Agora mesmo non temos moitas cousas claras, pero si algúns esbozos de por onde poderiamos dirixirnos".

O obxectivo último, a supervivencia de empresas que pasan por momentos difíciles, aínda que nesta ponte "as cifras parece que van ser mellores do esperado", explica Cesáreo Pardal, presidente do Cluster do Turismo.

"Vemos como algúns destinos turísticos mesmo tiveron o cen por cento nalgúns hoteis. A Ribeira Sacra volveu marcar a diferenza con respecto a outras zonas. A Costa da Morte tamén no turismo rural", engade.

No programa colabora a Xunta Galicia. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidncia, Xustiza e Turismo destaca que temos "todo o que se busca de espazos abertos, non masificación, máis natureza, máis seguridade desde o punto de vista sanitario, estámonos consolidando".

 E Turismo 100x100 pretende ser unha ferramenta máis para afondar na idea de Galicia como destino seguro.

Noticias web

13/10/2020