CRTVG

Buscar

Trump suspende durante 30 días as viaxes desde Europa aos Estados Unidos

Publicado o 12/03/2020 07:53

O presidente estadounidense Donald Trump anunciou este mércores a suspensión de todas as viaxes desde os países de Europa aos Estados Unidos, coa excepción do Reino Unido, para previr a propagación do coronavirus.

A suspensión entrará en efecto este venres á medianoite e durará polo menos 30 días, detallou  Trump nunha mensaxe televisada á nación desde o Despacho Oval.

"Decidín tomar varias medidas, fortes pero necesarias, para protexer a saúde e o benestar de todos os estadounidenses. Para evitar que novos casos ingresen ás nosas fronteiras, suspenderemos todas as viaxes desde Europa aos Estados Unidos", dixo  Trump.

O mandatario estadounidense explicou que a prohibición anunciada busca pechar a entrada a "calquera cousa" que veña de Europa, incluídas as mercadorías e o comercio.

Nun chío posterior, con todo, Trump dixo que a prohibición "detén persoas, non bens".

"Estas restricións iranse axustando segundo as condicións sobre o terreo", afirmou o presidente durante o seu discurso, ao explicar que se farán excepcións para os estadounidenses que queiran regresar de Europa e se sometan a rigorosas análises de detección do virus.

Trump falou do covid-19 como "virus estranxeiro" e culpou os países europeos de parte da súa propagación nos Estados Unidos.

"A Unión Europea non tomou as mesmas precaucións (que os EUA) e non restrinxiu as viaxes desde A China e outros focos (do virus). Como consecuencia, unha gran cantidade de novos casos nos EUA foron ocasionados por viaxeiros vindos de Europa", dixo.

O líder estadounidense tamén anunciou durante a súa alocución que polo descenso de novos casos na China e Corea do Sur o seu Goberno volverá avaliar as restricións de viaxe impostas a eses países.

Ademais da suspensión das viaxes desde Europa, o mandatario tamén anunciou unha serie de medidas económicas para contrarrestar os efectos do coronavirus.

Trump anunciou con efecto inmediato un programa gobernamental de préstamos a xuros baixos para as compañías afectadas polo coronavirus e dixo que pedirá ao Congreso a aprobación de 50.000 millóns de dólares adicionais para financialo.

Tamén anunciou unha prórroga fiscal sen xuros para persoas e empresas afectadas