CRTVG

Buscar

Trump pídelles aos seus seguidores evitar a "violencia" antes da investidura

Publicado o 13/01/2021 20:50
Trump pídelles aos seus seguidores evitar a "violencia" antes da investidura

O presidente saínte dos EUA, Donald Trump, pediulles aos seus seguidores non incorrer en "violencia" nin romper a lei nos próximos días, ante as múltiples informacións que apuntan a novas concentracións armadas antes da investidura dentro dunha semana do mandatario electo, Joe Biden.

"Ante as informacións sobre novas manifestacións, urxo a que non debe haber NADA de violencia, NADA de romper a lei e NINGÚN vandalismo de ningún tipo", dixo Trump nun comunicado difundido pola Casa Branca. "Iso non é o que eu defendo, e non é o que defenden os Estados Unidos. Pido a TODOS os estadounidenses axudar a rebaixar as tensións e acougar os ánimos. Grazas!", engadiu.

O breve comunicado do presidente saínte chegou mentres a Cámara de Representantes prepárase para acusalo de "incitar" a insurrección dos seus seguidores a semana pasada no Capitolio, o que obrigará ao Senado para someter a Trump a un segundo xuízo político.

Trump mandou mensaxes contraditorias sobre o asalto dos seus seguidores ao Capitolio: durante o ataque describiunos como "xente moi especial", pero despois tentou distanciarse deles e condenar a violencia. Este martes, Trump evitou asumir ningún tipo de responsabilidade polo ocorrido e defendeu como "totalmente apropiado" o discurso que deu antes do asalto ao Capitolio, no que instou os seus seguidores a dirixirse ao Congreso para evitar que os lexisladores ratificasen a vitoria de Biden.

A súa nova mensaxe chega dous días despois de que o Buró Federal de Investigación (FBI, en inglés) advertira de que seguidores radicais de Trump preparan "protestas armadas" previstas en todos os 50 estados do país entre o día 16 e o 20, cando tomará posesión Biden.

Os grupos extremistas, que tras o peche de miles das súas contas en Twitter e o bloqueo á rede social conservadora Parler comezaron a coordinarse en aplicacións encriptadas de mensaxería como Telegram, tamén ameazaron cun posible novo asalto ao Capitolio ou ás sedes dos Congresos estatais.

A violencia da semana pasada levou a reforzar ao máximo a seguridade en Washington, e espérase que antes da investidura estean activados máis de 20.000 membros da Garda Nacional, que xa protexen o Capitolio.

Pelosi: "Trump "debe irse" porque é un "perigo claro e presente" para o país"

A presidenta da Cámara Baixa, a demócrata Nancy Pelosi, asegurou este mércores que Donald Trump "debe irse" xa que é "un perigo claro e presente" para o país, no debate previo á votación dun novo xuízo político contra o mandatario, acusado de "incitación á insurrección". "Sabemos que o presidente dos EUA incitou esta insurrección, esta rebelión armada contra o noso país común. Debe irse. É un perigo claro e presente para a nación que todos amamos", sostivo Pelosi no pleno da Cámara Baixa.

Pola súa banda, varios lexisladores republicanos opuxéronse á medida ao asegurar que ía en contra dos chamados á unidade nos difíciles momentos que atravesa o país.

"Este non é o camiño se queremos recuperar a unidade. É momento de buscar a curación. Paremos este xuízo político", replicó Jeff van Drew, lexislador republicano por Nova Jersey.

 

 

Noticias web

13/01/2021