CRTVG

Buscar

Trump, o cuarto presidente dos EUA sometido ao proceso de destitución

Publicado o 25/09/2019 12:50

Trump enfrontarase a un proceso de xuízo político enfocado á súa destitución. Despois de dous anos de deliberacións e reviravoltas, o Congreso dos Estados Unidos, con maioría demócrata, dálle finalmente luz verde ao inicio do proceso de destitución. O detonante foron as informacións segundo as que Trump lle meteu presión ao presidente da Ucraína para prexudicar a candidatura do demócrata Joe Biden. 

"As accións do presidente vulneraron seriamente a Constitución", afirmou Nancy Pelosi. A presidenta do Congreso abriu o proceso para o proceso de destitución de Donald Trump que os demócratas levaban meditando desde que a investigación da trama rusa demostrou que Moscova interferiu nas eleccións de 2016 para prexudicar a Hillary Clinton.

Desta vez Trump mesmo se ofreceu a desvelar o contido das conversas co seu homólogo ucraíno. Zelenski rexeita falar sobre eses contactos, pero o seu equipo desmente calquera presión de Trump para prexudicar agora o seu novo rival: o demócrata Joe Biden.

"Segue a caza de bruxas, nin esperaron a coñecer o contido das conversas", lamentou Trump, que cre que un proceso de destitución frustrado o pode impulsar nas vindeiras eleccións.

Os republicanos confían en que este intento de derrocar o presidente fracasará, como o fixeron os dous anteriores cos presidentes Johnson e Clinton. Os demócratas recoñecen que será dificil, porque os conservadores teñen maioría no Senado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/09/2019