CRTVG

Buscar

Trump, no seu adeus: "Estaremos de volta dalgún modo"

Publicado o 20/01/2021 16:36

• Concede o indulto ao seu ex estratega Steve Bannon.

O presidente saínte dos EUA, Donald Trump, destacou este mércores que "foron catro anos incribles" os do seu Goberno e apuntou ao futuro ao asegurar que volverá "dalgún modo", nas súas despedida horas antes do final do seu mandato.

"Estaremos de volta dalgún modo", afirmou aos seus seguidores na base aérea Andrews, en Maryland, nos arredores de Washington, antes de subirse por última vez ao avión presidencial Air Force One rumbo á súa mansión privada en Palm Beach (A Florida).

"Foron catro anos incribles -agregou- Non fomos unha Administración normal". Así mesmo, entre sorrisos, lanzou un dardo ao seu sucesor, o demócrata Joe Biden, a quen non citou polo seu nome. "Espero que non lles suban os impostos. E se o fan, eu advertinllo", sostivo. "Estarei a observar (....) Teñan unha boa vida, vémonos pronto", concluíu.

Trump abandonou este mércores a Casa Branca por última vez como gobernante a primeira hora xunto á súa esposa, Melania, no helicóptero presidencial, Marine One, poucas horas antes da toma de posesión de Biden. O magnate neoiorquino rompeu así a tradición e non estará presente na cerimonia de investidura do seu sucesor.

Trump non recoñeceu a derrota nas eleccións de novembro pasado e segue denunciando, sen evidencia, ser obxecto dunha "fraude electoral". Coa súa saída da Casa Branca, conclúen catro anos turbulentos marcados pola polémica nos que pasará á historia como o primeiro presidente de EUA. ao que se lle abriron dous procesos de axuizamento político, o segundo dos cales está aínda pendente de ventilarse no Senado. 

"Fixemos o que viñemos facer"

"Conforme conclúo o meu mandato como o 45º presidente dos Estados Unidos, preséntome ante vostedes orgulloso de verdade do que conseguimos xuntos. Fixemos o que viñemos facer e moito máis", asegurou ao principio da súa alocución, en que apareceu rodeado de catro bandeiras do país.

Desde o asalto ao Capitolio por parte de centos dos seus seguidores radicais, o pasado 6 de xaneiro, en que cinco persoas morreron, Trump apenas fixo aparicións públicas e permaneceu a maior parte do tempo recluído na Casa Branca.

No seu discurso fixo mención a ese ataque á sede do Congreso dos EUA e subliñou que, aínda que non hai que esquecer que os estadounidenses sempre terán os seus desacordos, esta é unha nación de "cidadáns incribles, decentes, leais e amantes de paz", que desexan o progreso do país.

"Todos os estadounidenses quedaron arrepiados polo asalto ao noso Capitolio. A violencia política é un ataque contra todo o que apreciamos como estadounidenses. Nunca pode ser tolerado", indicou  Trump.

73 indultos

Donald Trump concede o indulto ao seu ex estratega Steve Bannon, na súa xornada de despedida. Alimenta así as especulacións sobre una renovada alianza política entre as dúas figuras. Na listaxe houbo 73 indultados máis, pero finalmente Trump non se concedeu o auto-indulto preventivo co que se especulara, e que podería blindalo ante o segundo impeachment ao que se enfronta.

Noticias web

20/01/2021

Máis sobre actualidade