CRTVG

Buscar

Trump cancela as conexións aéreas con Europa, pero mantenas co Reino Unido

Publicado o 12/03/2020 15:46

A decisión do Goberno Trump afecta milleiros de pasaxeiros que tiñan pensado viaxar desde Europa aos Estados Unidos nos próximos 30 días. Só as viaxes que procedan do Reino Unido e os cidadáns estadounidenses ou residentes permanentes se salvan desta medida de contención do coronavirus. Desde esta noite, non poderá entrar no país ningún estranxeiro que pasara os últimos 14 días no espazo Schengen. Unha prohibición que tamén cambia os plans de moitos galegos e supón un golpe máis para as axencias de viaxes.

Alejandro investiu 2.000 euros e moita ilusión en pasar a Semana Santa con seis amigos en Nova York. Pero a decisión de pechar Estados Unidos aos europeos arruinoulles o plan.

Nas axencias falan dun novo golpe do coronavirus para o sector, que non deixa de sumar cancelacións e perdas.

A incerteza fai que tampouco se contraten viaxes con vistas ao verán, unha situación que pon en risco a supervivencia de pequenos negocios coma este, onde agardan que o pesadelo remate canto antes.

A Unión Europea desaproba unha decisión unilateral dos EUA

Polo momento, dende Bruxelas din que deben estudar as consecuencias desa prohibición, antes de tomar medidas. A Unión Europea desaproba que os Estados Unidos tomara esa decisión de xeito unilateral e sen consultalo, nun contexto de crise global que require cooperación. E insisten en que están tomando medidas enérxicas para evitar a propagación do virus.

 

 

 

Noticias web

12/03/2020