CRTVG

Buscar

Trump asina unha suspensión parcial da inmigración aos Estados Unidos

Publicado o 23/04/2020 07:42
Trump asina unha suspensión parcial da inmigración aos Estados Unidos

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asinou este mércores unha orde executiva coa que conxela durante polo menos 60 días a inmigración ao país baixo o pretexto da destrución de empregos ocasionada pola crise da COVID-19.

Trump asinou a orde cando os casos confirmados de coronavirus nos EUA rozan os 850.000, tras sumar outros 30.000 este mércores, e os falecidos superan os 47.500 coa morte nas últimas 24 horas de 2.300 persoas.

358.000 inmigrantes menos

A medida de Trump ten como obxectivo principal a redución de permisos de residencia permanente, coñecidos como green cards, aínda que a súa eficacia real durante a pandemia é dubidosa, xa que os EUA reduciron a mínimos os seus servizos consulares de visados.

En condicións normais, a medida impulsada por Trump afectaría a unhas 26.000 persoas cada mes, segundo datos do Migration Policy Institute, con sede en Washington.

Se Trump estende a medida máis aló dos 60 días inicialmente previstos, o total de inmigrantes que poderían perder o acceso a permisos de residencia permanente son 358.000 ao ano, segundo os cálculos da firma de avogados Bountless.

A medida, por tanto, lograría reducir en aproximadamente un 33 % a emisión anual de 1,1 millóns de green cards.

Cerco á reunificación familiar

A letra pequena do decreto apunta a unha das obsesións de Trump e do seu principal asesor en migración, Stephen Miller: a reunificación familiar.

Durante este período de excepción, tan só cónxuxes estranxeiros de cidadáns estadounidenses ou fillos menores de 21 anos poderán acceder a un permiso de residencia permanente, o cal exclúe proxenitores, irmáns ou fillos independentemente da idade, como indica a lei. Tamén exclúe cónxuxes e fillos de residentes permanentes.

Bountless dixo que "mentres esta proclamación estea vixente, os pais, irmáns e fillos adultos de cidadáns estadounidenses, mais o cónxuxes e fillos pequenos de residentes permanentes, simplemente non poderán comezar unha nova vida xuntos nos Estados Unidos".

Trump bautizou pexorativamente a reunificación familiar como "migración en cadea" e tratou sen éxito de impulsar a súa reforma no Congreso.

Médicos e investidores, benvidos

O decreto establece excepcións e pon énfases en profesionais médicos ou de investigación que teñan como obxectivo "combater a propagación da COVID-19", que atoparán as portas dos EUA abertas, e tamén outras profesións que non especifica relacionadas coa contención do virus.

Os Estados Unidos tamén manterán abertas as portas para os estranxeiros que traten de instalarse no país a través dun visado de investidor, que require empregar polo menos 900.000 dólares nun negocio.

Os visados temporais de traballo, como os agrícolas, entre moitos outros, quedan de momento fóra da suspensión, pero o decreto establece un período de 30 días para revisar estes programas.