CRTVG

Buscar

Continúan os preparativos para extraer o combustible do Blue Star

Publicado o 27/11/2019 10:21

En Ares, os traballos previos á extracción do combustible almacenado nos depósitos do quimiqueiro Blue Star tiveron que ser suspendidos onte á tarde polo temporal, que mesmo obrigou a evacuar a tripulación. 

Retomáronse esta mañá en primeiro lugar en terra coa adecuación dos accesos á zona en que está varado o buque desde a noite do venres pasado, para que poidan achegarse os camións cisterna onde se cargará o carburante. Pero tamén na propia embarcación, ata onde un helicóptero de Salvamento Marítimo trasladou a primeira hora os tripulantes evacuados onte pola ameaza do temporal, e un grupo de técnicos da empresa contratada polos armadores.

Ademais de mellorar o acceso para os camións cisterna, a actividade en terra firme dedicouse hoxe á construción dunha estrutura de cemento que servirá como base para a a tirolina que sosterá as mangueiras de extracción, e para transportar ademais outros materiais desde o buque.

As máis de cen toneladas de fuel e gasóleo están almacenadas na popa do quimiqueiro, polo que primeiro se van transvasar a un tanque baleiro que hai na proa, a parte máis próxima á costa. E desde alí bombearase ata os camións. Unha empresa de Fene ocuparase do traslado dos carburantes, subcontratada pola compañía holandesa Smit, que ademais se viu na obriga de cambiar nas últimas horas o remolcador que intentará sacar o Blue Star das rochas, unha vez se complete a extracción.