Triplícase o número de mortes por cancro de pulmón entre as mulleres
Os expertos sinalan a importancia da prevención: se eliminamos o tabaco da ecuación, poderiamos reducir moitísimo o número anual de mortes por cancro de pulmón.
Preocupan especialmente as altas taxas de crecemento de cancro de pulmón entre as mulleres. Nos últimos vinte anos, a mortalidade por estas doenzas multiplicouse por tres, ata practicamente chegar, en España, ás cifras do cancro de mama. Detrás disto, na inmensa maioría dos casos, o consumo de tabaco.
O futuro nos tratamentos desta doenza é a medicina personalizada. Pero para a maioría dos oncólogos, o seguinte paso na loita contra o cancro de pulmón pasa necesariamente por xeneralizar os cribados, co fin de detectar a doenza nunha fase máis inicial e mellorar os prognósticos, tal e como se vén facendo co cancro de mama.